O Consello de Ministros desta tarde concretará as medidas a adoptar e a súa aplicación
A CIG esixiu esta mañá a retirada de todas as medidas antisociais propostas polo Goberno de Zapatero durante o decurso da Mesa Xeral da Función Pública.
Nesta reunión, explica a Secretaria Nacional da CIG-Administración e representante da central, María Carme López Santamariña, a Administración non fixo entrega de ningún documento, limitándose verbalmente a dar a pouca información “á que estaban autorizados”, xa que as medidas a tomar concretaranse hoxe no Consello de Ministros que se celebrará ás 16::30 horas.
Dende a CIG cualifícase a Mesa de “tomadura de pelo” e ínstase a toda a cidadanía a participar esta tarde nas concentracións convocadas nas sete cidades galegas.
...
A información comunicada na Mesa Xeral de Función Pública limitouse a:
1.- O Goberno vai elaborar un Decreto Lei que ten que ser ratificado polo Parlamento Español.
2.- O devandito Decreto conterá, cando mínimo, as seguintes materias:
a)- Persoal funcionario e Estatutario.
O Decreto do goberno español conterá, con carácter xeral, unha redución que será de aplicación ás retribucións básicas de todas/os as/os empregadas/os públicos: soldo base e antigüidade.
A redución a aplicar nas retribucións complementarias será competencia das CCAA para que o apliquen conxuntamente a todas/os as/os empregadas/os públicos, ou sectorialmente que cada Consellaría determine as reducións a aplicar.
Os efectos económicos da redución serán desde o dia 1 de xuño de 2010, mais a paga extra do mes de xullo non ten redución.
b)- Persoal Laboral.
Para aplicar as medidas a este persoal van facultarse no poder que lles confire o Estatuto Básico do Empregado Público. Doutro xeito non lle poderían aplicar dita redución, xa que as súas retribucións determínanse de acordo coa lexislación laboral e o convenio colectivo que lles sexa de aplicación. En base a isto, a redución salarial ten que ser directa e individualizada, fora do ámbito da negociación colectiva. Dende a CIG lémbrase que o E.B.E.P. contou coa aprobación das organizacións sindicais estatais (CCOO, UGT e CSI-CSIF).
A Presidenta da Mesa Xeral non tiña información de como se lle van a aplicar estas medias ás empresas públicas e outros entes.
Así mesmo, informouse que a Administración valorará a aplicación destas medidas ao persoal que este próximo á xubilación, aínda que non lle afectará ao persoal de MUFACE.
Como remate, un dato importante, manterase o 0,3% de masa salarial para os fondos de pensións. “Parécenos unha inmoralidade que os salarios estean afectados, e os fondos de pensións sigan alimentando os petos dos poderes financeiros”, subliñou a Secretaria Nacional da CIG-Administración Pública.
A CIG, pola súa banda, reiterou na Mesa a solicitude de retirada destas medidas e agarda agora ás decisións do Consello de Ministros para comprobar como se van aplicar os recortes.
Para a CIG é imprescindíbel a mobilización para manifestar, non só o rexeitamento ás medidas presentadas por Zapatero para enfrontar a crise económica relativas aos empregados e empregadas públicos/as, senón tamén para frear unha reforma laboral da que aínda non se coñece o seu contido pero da que xa se adiantaron algunhas das medidas que se pretenden introducir e que van na liña de pretender atallar a crise pola vía do recorte de dereitos da clase traballadora.