Por que soben os prezos? |
|
| 25 Jun 2008 |
Juan Torres López e Alberto Garzón Espiñenta ... Os prezos están a subir en todo o mundo. Nos países máis pobres a alza do prezo dos alimentos está a provocar unha situación dramática: fame e escaseza, "un crime contra a Humanidade", tal e como o cualificou con toda razón o relator das Nacións Unidas para os asuntos da Alimentación, Jean Ziegler. Os prezos de materias primas estratéxicas como o petróleo dispáranse e provocan subas sucesivas en todos os mercados e soben tamén os prezos ao consumidor en case todos os países. Paira, de novo, a pantasma da inflación, pero xustamente cando iso ocorre non podemos esquecer dúas cuestións esenciais. A primeira é que a suba de prezos, aínda que sempre obxecto do debate económico, é un dos fenómenos económicos conscientemente peor e máis erradamente analizados, pois as explicacións teóricas da inflación utilízanse para xustificar políticas radicalmente anti sociais. A segunda, que a inflación non só ten causas senón tamén e sobre todo propósitos porque, na maioría das ocasións, os grupos con poder poden mellorar a posición na distribución da renda desencadeándoa. É por estas dúas razóns polo que cómpre ser intelixentes e non se deixar levar polas análises tan nesgadas que poboan os medios e os discursos políticos. Respecto dos prezos ao consumo en países europeos como España hai que sinalar en primeiro lugar que a súa alza non é do todo nova. A realidade é que se está producindo desde a entrada do euro, aínda que vén disimulando grazas á tramposa configuración dos indicadores estatísticos, sucesivamente modificados para evitar que adquira rango oficial a efectiva sensación de perda de poder adquisitivo que senten os cidadáns. E sobre a suba dos prezos dos alimentos, e mesmo do petróleo e outras materias primas, non hai que esquecer que xustamente se está producindo cando os especuladores tiveron que deixar os mercados financeiros como consecuencia da crise inicial das hipotecas. Pero agora, como sempre, sexa o que sexa que estea a ocorrer, cando os prezos soben en maior ou menor medida, as autoridades económicas de signo liberal non teñen na súa boca máis nada que unha mesma ladaíña: hai que moderar os salarios (porque os prezos soben -segundo din- como consecuencia de subas previas nos salarios) e hai que subir os tipos de xuro (porque tamén din que se soben os prezos é que hai excesiva cantidade de diñeiro en circulación e para reducila hai que subir o seu prezo). O Banco de España, por exemplo, xa recomendou publicamente a conxelación salarial a pesar de que España é o único dos 30 países membros da OCDE no que o poder adquisitivo dos salarios está a baixar desde 1995. E, pola súa banda, o Banco central Europeo teima en subir os tipos a pesar das xeneralizadas voces que indican que iso, en lugar de favorecer á economía e mesmo aos prezos, provocará unha maior crise. Aínda que, iso si, tamén grandes beneficios para a banca e os propietarios de capital (só a suba que se produciu hai uns días como consecuencia da "indiscreción" do seu gobernador, nin sequera como efecto dunha medida formal, provocou un custo de 3.000 millóns de euros ás familias hipotecadas, ou o que é o mesmo, un maior ingreso desa mesma magnitude aos bancos, o que deixa ben claro para quen traballa e ao servizo de quen está o Señor Trichet). En suma, sempre unha mesma dobre resposta ante a inflación que se traduce inexorabelmente nunha mellora dos beneficios e as plusvalías no conxunto das rendas e na maior explotación e perda de poder adquisitivo dos traballadores. Pero as verdadeiras causas das subidas dos prezos hai que as buscar noutros sitios. Vexamos, por exemplo, o caso dos prezos e os salarios. É verdade que se os salarios subisen de xeito continuado iso aumentaría os custos das empresas. Pero, necesariamente, produciríase entón inflación, é dicir, trasladarían inevitabelmente as empresas eses custos máis altos aos prezos de venda? Loxicamente, só poderían facelo... se puidesen. Non é un xogo de palabras. É que as empresas poden subir os prezos cando soben os custos só se teñen poder de mercado, se se enfrontan a unha demanda cativa (ou, como dicimos os economistas, moi inelástica, é dicir, que apenas diminúe cando sobe o prezo). Se iso non ocorre, as empresas que ven subir os seus custos salariais (ou outros calquera) teñen que reaccionar doutro xeito se non queren saír do mercado: mellorando a calidade, as condicións de venda, a produtividade, mellorando as técnicas de produción, etc. Que ocorre en España? Pois que nin sequera tendo salarios máis baixos as empresas son capaces de facer fronte ás subas de custos que soportan, e o que buscan é procurar ter poder de mercado e impor aos consumidores prezos máis altos que lles proporcionen beneficios extraordinarios. Os economistas do Banco de España que estudan a inflación, e os seus responsábeis políticos, deberían ser máis perspicaces antes de dicir sempre o mesmo: que hai que baixar os salarios. Por que non mencionan no feito de que en España, onde se queixan de prezos máis altos, hai salarios máis baixos e que crecen menos, pero beneficios empresariais sete veces máis altos que no contorno europeo? Unha mostra indiscutíbel de que non son os salarios os que soben os prezos, aínda que non parece que iso chame a atención da inteligentsia do Banco. O que ocasiona a inflación, ao contrario do que os poderosos e os economistas ao seu servizo nos queren facer crer, é o maior poder de mercado das empresas. Grazas a el inflúen no goberno para que acepte tarifas máis elevadas, para que non combata as estratexias anti competitivas e as que malgastan millóns de euros para fidelizar aos clientes e así gozar dunha demanda máis ríxida. E grazas a el poden impor aos seus consumidores prezos máis altos. E isto non só pasa en España cos prezos ao consumidor. Os prezos dos alimentos ou os do petróleo están a subir pola mesma razón de fondo: porque as grandes corporacións impoñen a súa lei, porque os gobernos deixan que fagan, porque falan e falan de mercados libres e de competencia cando o que existe de verdade son mercados sumamente imperfectos, oligopolios con máis poder que os gobernos e con influencia suficiente nos mercados como para impor prezos que constantemente lles garanten beneficios extraordinarios. Sempre falan de salarios para explicar as subas de prezos, pero nunca se refiren, pola contra, aos enormes gastos financeiros que impoñen bancos que actúan en mercados corruptos, onde non existiu competencia practicamente nunca. Non falan dos despilfarros en publicidade, en financiamento a grupos de presión, en investimentos irracionais, nos custos que supón a especulación debido ao risco que leva consigo e que se trata de conxugar logrando beneficios moi altos nas operacións exitosas. Non se di, por exemplo, que se o custo de produción dun barril de petróleo de Arabia Saudita é duns 6 dólares, a especulación engade un custo de entre 30 e 40 dólares. Nin, por suposto, tampouco falan dos custos que impoñen os grandes intermediarios. Diversas organizacións agrarias e de consumidores calcularon en España un Índice de Prezos en Orixe e Destino dos alimentos (IPOD) que lles permitiu comprobar que os alimentos se encarecen de media un 436% (e nalgúns casos até un 900%) desde o campo até a mesa. Non se fala, en suma, do PODER para maquinar sobre o mercado, que non é algo que precisamente estea ao alcance dos traballadores, nin da súa desigual distribución. Se quixesen que os prezos non subisen como están a subir onde habería que actuar é sobre ese poder antisocial, desigual e nefasto. O demais son escusas cun único propósito: facer que os beneficios suban sen cesar. [Artigo tirado do sitio web ‘Altereconomia’, do 16 de Xuño de 2008] |