101/10/2020 C.I.G. - AXENCIA TRIBUTARIA Reunión da Comisión Permanente de Saúde Laboral

02 Out 2020
Email , Categorias: Acción Social,

No día de onte tivo lugar a reunión da Comisión Permanente do Comité de Saúde Laboral Intercentros co obxecto de analisar a actualización do protocolo COVID-19 nos Buques de Operacións Especiais, a nota do Servizo de Prevención coas recomendacións sobre as medidas de ventilación e a utilización dos sistemas de climatización nos edificios da AEAT e maila súa guía de aplicación técnica, os criterios para a aplicación do Plan de Actuación da AEAT fronte o SARS-COV2 en áreas xeográficas con gromos con posíbel trasmisión comunitaria, e finalmente, a situación do contrato de Vixianza da Saúde e outras actividades preventivas.

En relación coa actualización do protocolo COVID-19 nos Buques de Operacións Especiais, dende a CIG fixemos constar a nosa oposición ás excepcións para o embarque con carácter obrigatorio do persoal vulnerábel que se recollen no documento apresentado, en concreto, por mor de necesidades do servizo ou por motivos inevitábeis.

En canto aos criterios para a aplicación do Plan de Actuación da AEAT fronte o SARS-COV2, insistimos na necesidade de procurar o equilibrio entre a correcta prestación dos servizos públicos á cidadanía e o dereito á saúde das traballadoras e dos traballadores da AEAT. Pensamos que a Axencia Tributaria ten que adecuar as medidas inicialmente adoptadas, a medida en que se produzan variacións, mesmo anticipándose a elas, na situación sanitaria das diferentes zonas xeográficas do Estado, nomeadamente naquelas áreas nas que se identificou unha posíbel trasmisión comunitaria do virus ou un aumento excesivo dos índices de contaxio. Neste sentido, preguntamos, aínda que sen obter resposta, se a AEAT prevé a adopción de medidas de conciliación familiar para as traballadoras e os traballadores que se vexan afectados polo peche de colexios ou centros de día. En canto á campaña de vacinación antigripal, informáronnos que este ano a AEAT non a vai a realizar por falla de disponibilidade destas vacinas, polo que quen desexe vacinarse deberá dirixirse ao seu centro de saúde do SERGAS ou da entidade concertada que lle preste o servizo. Seguiremos informando