Confírmase a conxelación salarial e a taxa de reposición do 0% para as administracións públicas |
|
| 30 Dez 2011 |
O Goberno español obriga así á Xunta de Galiza a modificar os orzamentos que acaba de aprobar Esta mañá celebrábase en Madrid a Mesa Xeral da Función Pública, na que se informaba ás/aos representantes sindicais da decisión do goberno do PP de conxelar os salarios do persoal das administracións públicas e de decretar unha taxa de reposición do 0%. Para a CIG, ambas as dúas decisións son inadmisíbeis. ... No primeiro caso, porque supón un recorte salarial que se suma aos xa padecidos nos últimos anos. No segundo caso, porque vai afectar ao funcionamento das administracións, á calidade dos servizos públicos e porque abre as portas a que estas recorran ás ETTs para suplir o persoal daqueles servizos que non se poidan atender ao careceren do persoal necesario. A taxa de reposición do 0% afectará a todas as traballadoras e traballadores de todas as administracións públicas, incluídos os entes públicos. Quedan excluídos os que o PP denomina sectores básicos, Educación e Sanidade, en concreto Hospitais e Centros de Saúde, onde a taxa de reposición manterase nun raquítico 10%. Esta será tamén a taxa de reposición a aplicar para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e para os corpos de loita contra a fraude fiscal da Axencia Tributaria. A secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme López Santamariña, que asistiu á xuntanza da Mesa Xeral da Administración Pública en representación da central sindical, matiza que xa foron advertidos de que esta é a previsión para todo o 2012, aínda que podería haber algunha modificación en marzo, cando se presenten os orzamentos para este ano. López Santamariña denunciou que isto terá como consecuencia a desaparición da Oferta de Emprego Público, eliminará as posibilidades de promoción profesional dos empregos/as públicos/as e colapsará progresivamente o funcionamento da administración por falta de persoal. A iso engadiu, que estas medidas poden abocar ao peche de certos servizos públicos por pura inviabilidade ao careceren de persoal e que obrigarán a tomar decisións aos que teñen responsabilidades na xestión dos servizos públicos, para buscar alternativas fóra do emprego público. “Abre as portas a que as novas contratacións que sexan necesarias para manter eses servizos se fagan por outras vías, como a través de ETTs e á contratación en precario”. Fronte a iso, demandou o 100% da taxa de reposición e recuperar ou pór en marcha a carreira profesional. A secretaria nacional de CIG-Administración, denunciou que a Mesa Xeral foi convocada “por imperativo legal, porque a lei obriga a pasar este trámite” e que tivo un carácter “puramente informativo, porque as decisións xa estaban adoptadas”. Ademais, considerou “inadmisíbel” que se convocara á mesma hora na que se celebra o Consello de Ministros no que xa van incorporadas todas estas medidas, que serán anunciadas ao seu remate. Recortes salariais Respecto das retribucións, López Santamariña, asegura de que malia empregar o eufemismo de conxelación, do que se trata realmente é dun recorte. “Acumulamos a rebaixa do 5% dos nosos salarios, a conxelación de 2011, as subas do IPC de 2010 e 2011, que xa no mes de novembro se situaba no 3,1% e a conxelación para 2012. Isto supón unha perda de poder adquisitivo do 15%”. Por iso, exixiu na Mesa a restitución dos salarios e unha suba salarial de, como mínimo o IPC real, alén dun plan plurianual que permita recuperar a perda acumulada nos últimos anos de poder adquisitivo e a inclusión da cláusula de revisión salarial. Estas medidas serán aplicadas na administración pública galega, onde o goberno de Núñez Feijoo xa deixou aberta a porta a modificar os orzamentos de 2012 en función das decisións que se foran adoptando en Madrid. Diante desta situación, María Carme López Santamariña fixo un chamamento a todo o persoal da administración a rexeitar estes recortes e a rebelarse contra estes ataques. “Son medidas moi lesivas que non contribúen a crear un bo clima laboral e non servirán para mellorar a situación económica”.
|