Ante a votación mañá no Congreso da reforma da Lei de Contrabando
Os delegados e as delegadas da CIG na Axencia Tributaria queren lembrar que mañá, xoves 31 de marzo, votarase no Congreso dos Deputados en Madrid a reforma da Lei de Contrabando do ano 1995. En dita reforma, unha vez máis, o Goberno, en contra da postura dos grupos Bloque Nacionalista Galego e o Partido Popular, que presentaron emendas nese sentido, deixa excluído o Servizo de Vixilancia Aduaneira como Policía Xudicial.
...
Dende a CIG lémbrase que en numerosas ocasións os avogados/as dos Narcotraficantes expuxeron como defensa que o SVA no podía exercer como Policía Xudicial, xa que a Lei non o recolle. Non obstante, existen sentenzas (ditame do Pleno da Sala Segunda do Supremo contra Laureano Oubiña pola descarga de 6000 quilos de haxix nas costas galegas) que recoñecen que, aínda que o SVA non constitúe Policía Xudicial en sentido estrito, si pode desenvolver tales funcións no ámbito dos delitos relacionados co contrabando, entre os que figura o narcotráfico, e polo tanto, as actuacións do SVA son procedentes. Porén, isto non é garantía de que en calquera momento outro xulgado ditamine o contrario por non estar regulado por lei.
Ante a negativa do goberno do PSOE a recoñecer ao persoal do SVA como Policía Xudicial, os delegados e delegadas da CIG pregúntanse que motivos existen para manter esta postura contraria ao recoñecemento e advirten que delincuentes como Sito Miñanco, Laureano Oubiña e outros Narcotraficantes encarcerados con investigacións do SVA, poderían quedar libres porque un xuíz decida non recoñecer este servizo como Policía Xudicial.
Neste senso, apelaron á responsabilidade dos Grupos Parlamentares para que apoien as emendas presentadas co obxecto de que a nova lei recolla o Servizo de Vixilancia Aduaneira como Policía Xudicial.