Islandia, o país que castiga os banqueiros culpábeis da crise

28 Mar 2011
Email , Categorias: Notícias Sindicato, Opinión,

Por Alejandra Abad

A gran maioría da poboación occidental soña desde 2008 con dicir “non” aos bancos, pero ninguén se atreveu a facelo. Ninguén, agás os islandeses, que levaron a cabo unha revolución pacífica que conseguiu non só tombar un goberno e redactar unha nova constitución, senón meter na cadea os responsábeis da desfeita económica do país.

...

Hai uns días foron detidas 9 persoas en Londres e en Reikiavik (capital de Islandia) polas súas responsabilidade no colapso financeiro de Islandia en 2008, unha profunda crise que deveu nunha reacción cidadá sen precedentes que cambiou o rumbo do país.

Foi a revolución sen armas de Islandia, o país que acolle á democracia máis antiga do mundo (desde o ano 930), e cuxos cidadáns lograron cambiar a base de manifestacións e cazoladas. E por que o resto dos países occidentais nin sequera se decatou?

A presión cidadá islandesa conseguiu non só tombar un goberno, senón redactar unha nova constitución (en proceso) e meter na cadea os banqueiros responsábeis da crise do país. Como se adoita dicir, se se piden as cousas con educación é moito máis doado conseguilas.

Este silencioso proceso revolucionario ten a súa orixe en 2008, cando o goberno islandés decidiu nacionalizar os tres principais bancos, o Landsbanki o Kaupthing e o Glitnir, cuxos clientes eran principalmente ingleses, estadounidenses e americanos.

Tras a entrada do Estado no capital a moeda oficial (krona) devaluábase de vez e a bolsa suspendía a súa actividade tras un afundimento do 76%. Islandia entraba en bancarrota e para salvar a situación, o Fondo Monetario Internacional (FMI) inxectaba 2.100 millóns de dólares e os países nórdicos axudaban con outros 2.500 millóns.

As grandes pequenas vitorias da xente do común

Mentres bancos e autoridades locais e estranxeiras procuraban á desesperada solucións económicas, o pobo islandés botouse á rúa e coas súas insistentes manifestacións diarias fronte ao parlamento de Reikiavik provocou a dimisión do primeiro ministro, o conservador Geir H. Haarden, e de todo o seu goberno en bloque.

Os cidadáns esixían, ademais, que se convocasen eleccións anticipadas, e conseguírono. En abril saíu elixido por votación un goberno de coalición formado pola Alianza Social-demócrata e o Movemento de Esquerda Verde, encabezado por unha nova Primeira Ministra, Jóhanna Sigurðardóttir.

Durante todo o 2009 a economía islandesa continuou en situación precaria (pecharía o ano cunha caída do 7% do PIB ) pero, a pesar diso, o Parlamento propuxo a devolución da débeda a Gran Bretaña e Holanda mediante o pagamento de 3.500 millóns de euros, unha suma que debían pagar todas as familias islandesas mensualmente durante 15 anos ao 5,5% de xuros.

A medida provocou de novo a ira dos islandeses, que volveron tomar as rúas esixindo que, polo menos, esa decisión fose sometida a referendo. Outra nova pequena gran vitoria das protestas na rúa: en marzo de 2010 celebrábase esa votación e un esmagador 93% da poboación negábase a devolver a débeda, polo menos nesas condicións.

Con iso conseguiron que os acredores repensasen o acordo e o mellorasen, ofrecendo os xuros ao 3% e o pagamento a 37 anos. Nin sequera iso foi suficiente, o presidente actual, ao ver que o Parlamento aprobaba este acordo por unha marxe moi estreita, decidiu o mes pasado non sancionalo e chamar de novo os islandeses a votaren en referendo para que sexan eles os que teñan a última palabra.

Os banqueiros foxen atemorizados

Volvendo á tensa situación de 2010, mentres os islandeses negábanse a pagar unha débeda que contraeran os especuladores financeiros sen preguntarlles, o Goberno de coalición iniciara unha investigación para dirimir xuridicamente as responsabilidades da fatal crise económica e xa se detivo a varios banqueiros e altos executivos estreitamente relacionados coas operacións de risco.

A Interpol, pola súa banda, ditara unha orde internacional de arresto contra o expresidente do Parlamento, Sigurdur Einarsson. Esta situación fixo que banqueiros e executivos, atemorizados, abandonasen o país en masa.

Neste contexto de crise, elixiuse unha asemblea para redactar unha nova constitución que recollese as leccións aprendidas e que substituíse a actual, inspirada na constitución danesa.

Para iso, no canto de chamar a expertos e políticos, Islandia decidiu recorrer directamente ao pobo, soberano, á fin e ao cabo, das leis. Máis de 500 islandeses presentáronse candidatos para participar neste exercicio de democracia directa e redactar a constitución, dos cales foron elixidos 25 cidadáns sen filiación política entre os que hai avogados, estudantes, xornalistas, granxeiros, representantes sindicais...

Entre outras novidades, esta constitución está chamada a protexer como ningunha outra as liberdades de información e de expresión coa chamada Iniciativa Islandesa Moderna para Medios de Comunicación, un proxecto de lei que pretende facer do país un refuxio seguro para o xornalismo de investigación e a liberdade de información onde se protexan fontes, xornalistas e provedores de Internet que aloxen información xornalística.

Será o pobo, por unha vez, o que decida sobre o futuro do país mentres banqueiros e políticos asistan (algúns desde a cadea) á transformación dunha nación, pero desde a barreira.

Artigo tirado do sitio web El Confidencial, do 20 de marzo de 2011