Delegados/as CIG na Axencia Tributaria alertan das consecuencias do desmantelamento do servizo de vixilancia

11 Mar 2011
Email , Categorias: Vixilancia Aduaneira, Info SVA,

Mantiveron un encontro coa Fundación Galega contra o Narcotráfico e co grupo popular para expor as necesidades materiais e humanas do SVA

Os/as delegados/as da Confederación Intersindical Galega na Axencia Tributaria alertaron das consecuencias que terá o progresivo desmantelamento do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galiza, e que podería provocar un repunte do narcotráfico nas nosas costas.

...

Os delegados reuníronse ao longo desta semana con representantes da Fundación Galega Contra o Narcotráfico, a quen informaron dos medios que están sendo retirados da nosa autonomía, como o avión con base en Santiago que efectuaba unha vixilancia diaria das nosas costas; o cambio do Helicóptero Dauphin por outro de menor prestacións, e con base en Vigo; ou a non cobertura da praza de Xefe de Embarcación da base de Muros no próximo Concurso de postas de Traballo. Esta base, aclaran, é a que cobre a vixilancia da Costa da Morte.

Así mesmo, este xoves Antón Lestón e Henrique Outeiral mantiveron un encontro no Parlamento Galego co deputado popular José Manuel Balseiro, expoñendo amplamente os problemas de persoal e as consecuencias da retirada de medios en Galiza. Pola súa banda, o deputado comprometeuse a realizar un estudo da situación e a presentar as iniciativas parlamentares a que dera lugar.

A CIG tamén permanece á espera de ser recibida polo Delegado do Goberno en Galiza e polo grupo parlamentario galego do PSG-PSOE para abordar todas estas cuestións e demandar o estabelecemento dun Servizo de Vixilancia Aduaneira que garanta un servizo axeitado para as nosas costas.

Hai unhas semanas, a CIG, xunto ao deputado do BNG, Bieito Lobeira, daba a coñecer publicamente en rolda de prensa a situación na que se atopa o SVA e a desprotección na que se ten deixado ás costas galegas.

Fonte: xornal dixital Avantar