Reformando o Sistema Público de Pensións

20 Jan 2011

A maior parte das reformas efectuadas no sistema público de pensións, trouxeron como consecuencia un endurecimento das condicións estabelecidas para o cálculo das mesmas, o que provocou unha rebaixa na pensión resultante.

...

Estas reformas, levadas a cabo polos diferentes gobernos, fundamentábanse en informes elaborados por peritos economistas (financiados pola banca e a patronal) que agoiraban unha creba do sistema público (así foron pactuadas na súa maioría cos sindicatos CCOO e UGT). Ao mesmo tempo que isto acontecía, fomentouse unha deriva das achegas que, empresarios e traballadores, facíamos ao sistema público para aos sistemas privados; constituídos nos fundos de pensións. Mesmamente na Administración Xeral do Estado acordaron, de xeito imperativo, detraer unha parte do noso salario para derivalo ao Plan de Pensións que estes mesmos sindicatos xestionan, xuntamente co BBVA.

Após 5 anos de vixencia do Fundo de Pensións (foi constituído en 2005), este acumula un patrimonio total de 500 Millóns de Euros (máis de 80 mil millóns de pesetas); e levamos desembolsado ás Entidades Depositarias e a Xestora (Sociedade Mercantil constituída por CCOO+UGT+BBVA), en conceito de comisións, 7,5 Millóns de Euros (máis de 1.200 millóns de pesetas). Tudo iso, sen que as nosas achegas estexan, de nengún modo, garantidas.

Os xestores deste Fundo (igual que a maioría dos fondos de pensións constituídos), son os mesmos que se adican a especular nos mercados financieiros; investindo en déveda soberana dos distintos países, e provocando a inestabilidade económica que depois temos que pagar os asalariados.

Como pode ser que os mesmos especuladores que se benefician da privatización do sistema público de pensións sexan os que nos representan na negociación co Goberno?

Están CCOO e UGT lexitimados para representarnos na negociación da reforna do sistema público de pensións, cando son parte interesada no negocio da privatización do mesmo?

Que están a negociar cando o Presidente do Goberno xa o anunciou, diante da plana maior empresarial, que o 28 de xaneiro aprobarían o decreto de ampliación da idade de xubilación de 65 a 67 anos, aínda que non houbese acordo?

Existe, aínda, algún traballador que confíe nunhas organizacións que, máis que a solución, son parte do problema?