Estado español: A quen benefician as últimas medidas económicas do Goberno? |
|
| 17 Dez 2010 |
Por Miguel Ángel Luque O caos aeroportuario e o estado de alarma impediron un debate sosegado sobre as últimas medidas aprobadas e anunciadas polo Goberno co repetido propósito de dar confianza aos mercados, fomentar a actividade empresarial e o emprego e baixar os impostos, medidas que en realidade constitúen un novo retroceso do Estado do benestar ante a presión da oligarquía política-económica-bancaria que se esconde detrás diso que chaman “os mercados”. ... O caos aeroportuario e o estado de alarma impediron un debate sosegado sobre as últimas medidas aprobadas e anunciadas polo Goberno co repetido propósito de dar confianza aos mercados, fomentar a actividade empresarial e o emprego e baixar os impostos. Entre outras, son de salientar: a) a supresión das axudas dos 426 € aos desempregados sen ningunha cobertura; b) a privatización parcial de AENA e “Loterías e Apostas do Estado”; c) a suba do imposto sobre o “tabaco”; d) a rebaixa no Imposto sobre Sociedades; e) a eliminación da esixencia do mantemento do emprego para a aplicación de determinados beneficios fiscais; f) a exención tributaria das operacións de creación e capitalización de empresas; g) a supresión da obrigatoriedade de pagar ás Cámaras de Comercio; h) a axilización na constitución de sociedades; i) a eliminación da obrigatoriedade de publicar na prensa escrita os actos adoptados polas sociedades. Na miña opinión, estas medidas non son as máis idóneas para os obxectivos previstos. En realidade constitúen un novo retroceso do Estado do benestar ante a presión da oligarquía política-económica-bancaria que se esconde detrás diso que chaman “os mercados”. A seguir expoño algunhas razóns: Dificilmente pode fomentarse a creación de emprego eliminando a esixencia de que as empresas teñan que manter o emprego para poder aplicarse determinados “beneficios fiscais”, como a liberdade de amortización para investimentos novos e un tipo de gravame reducido do 20%. Prémiase o despedimento? Ademais, hai un ano adoptáronse similares medidas e as consecuencias son coñecidas: aumento de medio millón de persoas paradas e de 155.800 fogares máis nos que todos os seus membros activos están en paro. Os impostos, en xeral, non se baixan. Sobe o “do tabaco”, que é indirecto e máis inxusto (aínda que se disfrace de medida sanitaria) e só diminúen os das medianas e grandes sociedades -non tanto os das pequenas-, agás que por pequena se entenda a que presenta 1.700 millóns de volume de negocio e 50 millóns de beneficio neto (das antigas pesetas). Ademais, serán as Sociedades Anónimas e as que cotizan en bolsa as verdadeiras beneficiadas da ampliación do réxime de liberdade de amortización para investimentos novos, a exención no Imposto sobre Operacións Societarias, a eliminación da pertenza obrigatoria ás Cámaras de Comercio e a supresión da obriga de publicar os seus actos nos xornais. Privatízase o pouco rendíbel que queda: a metade da última xoia pública empresarial -AENA- e o 30 % de “Loterías e Apostas do Estado” a cambio dun prezo que non chega nin a 15.000 millóns de euros. Sen entrar na discutíbel contía ou na previsíbel destrución de emprego, renúnciase á obtención duns ingresos patrimoniais anuais, que pasarán aos petos desa oligarquía. Doutra banda, a eliminación da axudas de 426 € para os parados sen ningunha prestación condenará á marxinación, a delincuencia ou a beneficencia por centos de miles de persoas. (Advírtase que o diñeiro público facilitado aos bancos podería prorrogar máis de 175 veces estas axudas). Derrubouse o estilo de vida e de economía baseado na especulación inmobiliaria e o endebedamento a todos os niveis. Pero, mentres esa oligarquía bancaria-económica-política “cubrir” as súas perdas coas “mil millonarias” axudas públicas concedidas, os cidadáns e as pequenas empresas están nunha situación insostíbel, sen acceso ao crédito. Ademais, subíronse os tributos que afectan á maioría da poboación (IVE, IRPF, Impostos sobre as “gasolinas” e o “tabaco”, taxas, etc.), e baixáronse aos máis ricos -Patrimonio, Sociedades, SOCIMI, SICAV-. Para rematar, coa ameaza de non comprar a débeda pública existente en gran medida por telos axudado, esa mesma elite esixe o desmantelamento e o desprestixio do público (conxelación das pensións, aumento da idade de xubilación, redución do soldo dos funcionarios, eliminación da retroactividade en prestacións por dependencia, supresión do cheque bebé, recorte do investimento e das axudas públicas, abaratamento do despedimento, etc.) co obxectivo de privatizar calquera parte do pastel que lles poida ser rendíbel (plans de pensións, sanidade, transportes e infraestruturas, educación, xogo, intermediación nas ofertas e demandas de emprego, etc.). Ante esta situación non podemos ficar impasíbeis. Esixamos a) a supresión dos privilexios dos políticos, de forma que o que aproban aos demais lles afecte a eles mesmos (pénsese que un deputado ou senador opta á pensión máxima con 7 anos no cargo, mentres que un traballador necesita 35); b) a declaración de patrimonio obrigatoria para todos, evitándose os homes de palla; c) a eliminación dos paraísos fiscais, e d) o establecemento dun imposto ás transaccións financeiras. Presentemos unha resposta unida ante calquera novo recorte para non ter que parafrasear a expresión: “viñeron a polos pensionistas e como eu non era pensionista non fixen nada, viñeron a polos traballadores e como eu non era traballador non fixen nada, viñeron a polos funcionarios e como eu non era funcionario non fixen nada, viñeron a por min e xa non quedaba ninguén para protestar”.
|