CIG reclama do goberno central a retirada da reforma laboral e que non se leven a cabo as reformas pendentes
A Confederación Intersindical Galega avalía como un éxito rotundo a folga xeral convocada pola central sindical en Galiza este mércores 29 de setembro. Suso Seixo, secretario xeral, considera que se acadou unha participación similar á da folga xeral de 2002, superada en comarcas como Vigo, onde se superou amplamente o 80 por cento.
...
Nas manifestacións convocadas pola central sindical, celebradas en todas as cidades e en numerosas vilas do país, a participación chegou ás 80.000 persoas. A marcha máis numerosa foi a de Vigo, onde a participación superou os 40.000 asistentes.
Na manifestación da Coruña participaron unhas 10.000 persoas; en Compostela 5.000; en Ferrol 5.000; 4.000 en Ourense, 3.000 en Pontevedra; 2.000 en Lugo; outras 2.000 en Vilagarcía e máis de 400 en Noia. En Cee xuntáronse arredor de 350 persoas na concentración convocada e en Foz, onde a protesta se desenvolveu pola tarde, participaron unhas 300 persoas.
A CIG considera de especial relevancia a incidencia da folga xeral na industria onde se superou ao igual que na construción o 75 por cento, cos polígonos industrias e as principais empresas do país paralizadas. Canto á limpeza viaria, a central sindical cifra nun 100% a incidencia da folga e entre un 80 e un 90 por cento no transporte de viaxeiros. Respecto do transporte escolar a central sindical salienta que só funcionaron os servizos mínimos.
En Ensino universitario, as tres universidades estiveron practicamente paralizadas. Canto ao ensino non universitario a incidencia da folga xeral foi superior ao 50%.
Na Banca, nas cidades o paro foi secundado por entre o 60 e o 70% e na administracións públicas rondou o 50%, aínda que a incidencia foi maior nos servizos centrais e periféricos da Xunta de Galiza onde se acadou o 65%. En concellos como o de Santiago estas cifras foron amplamente superadas acadándose o 90%.