Notas sobre a crise estrutural e a crise da conxuntura |
|
| 19 Jul 2010 |
Por Theotonio dos Santos * A crise actual (2008-2010) demostra as dificultades do sistema capitalista de xestionar a economía, a sociedade e a cultura contemporánea. A xigantesca intervención estatal en curso non fixo máis que reforzar os intereses privados e a súa capacidade de destrución da vida na terra: expansión da pobreza, violencia social crecente, destrución do medio ambiente e ameaza á propia sobrevivencia da humanidade, en tanto que as novas guerras son as manifestacións da crise do sistema. ... A idea da chamada “crise estrutural” atópase primeiramente no prólogo de Marx á Contribución á Crítica da Economía Política. Marx fala dun longo período histórico, “unha era de revolución social” en que se crea, dentro do modo de produción existente, un novo modo de produción. As relacións sociais de produción buscan axustarse ao desenvolvemento das forzas produtivas que non logran avanzar sen profundas reformas até o nacemento revolucionario dun novo modo de produción que supera o anterior. O modo de produción capitalista evolúe cara á constante innovación tecnolóxica, a concentración, o monopolio, e a intervención do Estado. Só estes axustes das relacións sociais lle permiten manterse en funcionamento e deica expandir as forzas produtivas. Pero isto faise entre revolucións, crises económicas e guerras cada vez máis violentas. De aí o xurdimento de novas formacións sociais que buscan adaptar as relacións sociais aos novos e xigantescos avances das forzas produtivas, nomeadamente coa explosión da revolución científico-técnica nos anos de 1940. O Nazifacismo, logo de derrotado o Estado Militar que emerxe logo da 2ª guerra e coa escusa da “Guerra Fría”, o Estado de Benestar e a planeación centralizada que se identificou co socialismo, foron as formacións sociais novas que permitiron a supervivencia do modo de produción capitalista entre varias revolucións sociais e a urxencia dos novos Estados nacionais nas zonas coloniais. A derrota do fascismo, a caída dos réximes coloniais e o xurdimento dos Estados nacional-desenvolvementistas marcaron os anos de posguerra. Como resposta a esta expansión, os centros de decisión capitalistas lograron articular unha ofensiva ideolóxica e política na súa contra que, nas décadas do 1970-80, cristalizou no chamado “pensamento único” neoliberal. Pero, ao contrario do mundo de equilibrio fiscal, cambiario e monetario que propuña alcanzar, cunha diminución da intervención estatal, a práctica neoliberal conduciu a un xigantesco desequilibrio global con fortes défices no centro do sistema mundial e a creación dun sistema financeiro colosal sostido por esta intervención estatal -abrigo da expansión colosal da débeda pública-. Esta, á súa vez, xerou un xigantesco sistema financeiro que absorbeu os excedentes económicos xerados en todo o planeta a partir da xeneralización dos efectos de revolución científico-técnica, para o consumo ostensivo dunha nova caste social de dimensións globais. A crise actual (2008-2010) demostra as dificultades do sistema capitalista de xestionar a economía, a sociedade e a cultura contemporánea. A xigantesca intervención estatal en curso non fixo máis que reforzar os intereses privados e a súa capacidade de destrución da vida na terra: expansión da pobreza, violencia social crecente, destrución do medio ambiente e ameaza á propia sobrevivencia da humanidade, en tanto que as novas guerras son as manifestacións da crise do sistema. A conxuntura actual, marcada pola forte intervención estatal, non apunta a un período de crecemento sostido e a cambios estruturais profundos. A recuperación do crecemento económico en marcha apunta cara a unha “recuperación rasante” nos países centrais, mentres a periferia abre camiño ao crecemento e ao desenvolvemento. Pero hai graves límites para un desenvolvemento sostíbel, igualitario, pluralista e democrático nesta nova conxuntura. Ademais, a actual onda de innovación tecnolóxica, en curso desde 1994, atópase na súa fase final. Esta debe esgotarse en 10 a 15 anos. A combinación dunha nova crise conxuntural violenta cunha nova fase depresiva de reestruturación do sistema mundial abrirá un período de revolucións e contrarrevolucións mundiais parecido ao que vivimos entre as dúas guerras mundiais, pasando polas revolucións sociais, dun lado, e o ascenso do nazi-fascismo, doutro, cun custo de vida colosal para a humanidade. * Alainet (América Latina Información).
|