As propostas miserábeis do Fondo Monetario Internacional

31 Mai 2010
Email , Categorias: Notícias Sindicato, Opinión,

Por Juan Torres López

O Fondo Monetario que agora lle di ao Estado español o que ten que facer é unha institución doutrinaria que aplica sempre un mesmo credo sexa cal for a circunstancia ou o país que analiza: recorte de gastos públicos, privatizacións, liberalización de servizos, desregulación financeira, liberdade de movemento para os capitais, apertura de portas ao capital estranxeiro... sempre o mesmo, sempre o vello credo liberal, sexa cal for a gravidade dos problemas que orixina a súa aplicación.

...

O Fondo Monetario Internacional colleu outra volta as rédeas hai meses e disponse a seguir impondo doutrina, agora coa escusa de que as medidas que propón son as imprescindíbeis para saír da crise e do problema de débeda que esta provocou.

Os economistas do Fondo que viñeron a ditar sentenza ao Estado español, como fan en tantos outros países, son os que predican austeridade a quen gañan uns centos de euros mentres eles fixan para si mesmos soldos multimillonarios, os que esixen recortes de gasto aos gobernos desde hoteis de cinco estrelas e limusinas que pagamos os contribuíntes. Os que se declaran politicamente neutrais pero tratan con favor aos ditadores e alteran sen rubor as decisións democráticas que toman os poderes representativos.

O Fondo é a institución que reclama bo goberno aos Estados pero que actúa cunha opacidade absoluta e sen control ningún, a que di defender a liberdade pero ten internamente un funcionamento completamente antidemocrático. A que reclama rigor e acerto aos gobernos pero que nunca realizou unha autocrítica efectiva nin avaliou seriamente as súas múltiples e fatais equivocacións.

O Fondo Monetario que agora lle di ao Estado español o que ten que facer é unha institución doutrinaria que aplica sempre un mesmo credo sexa cal for a circunstancia ou o país que analiza: recorte de gastos públicos, privatizacións, liberalización de servizos, desregulación financeira, liberdade de movemento para os capitais, apertura de portas ao capital estranxeiro... sempre o mesmo, sempre o vello credo liberal, sexa cal for a gravidade dos problemas que orixina a súa aplicación.

Pero o problema máis grave do Fondo non é nin sequera que sexa doutrinaria senón que é unha institución incompetente. Os seus economistas erran constantemente e de forma estrepitosa. Os seus prexuízos ideolóxicos non lles permiten contemplar e analizar correctamente a realidade, erran nos diagnósticos, non saben facer predicións adecuadas e, loxicamente, nunca logran conseguir os obxectivos que se propón cando actúan (salvo, iso si, o de dar vía libre aos poderosos).

Poderían traerse a colación ducias de exemplos de grallas e erros de vultos nos seus informes e de previsións completamente equivocadas, máis propias de afeccionados que de auténticos profesionais.

Valla como unha simple mostra o descoido colosal que manifestaban ter os economistas do FMI sobre a situación da economía mundial en abril de 2007, cando xa outros moitos, máis intelixentes e mellor preparados, ou simplemente máis honestos, advertiran o que estaba pasando. Dicía entón o Fondo en "Perspectivas da Economía Mundial" (páxina XII): "os riscos para a economía mundial diminuíron desde a edición de setembro de 2006 (...) o que nos parece máis probábel é que o vigoroso crecemento mundial perdure (...) comparando os datos actuais cos de setembro, (2006) non hai tantas razóns para se preocupar pola economía mundial (...) a economía estadounidense mantense firme en xeral". Ou tamén o erro de diagnóstico sobre o que podería ocorrer no Estado español cando en marzo de 2009 dicía que o déficit público español sería do 6% en 2009 e 2010, xusto a metade do efectivamente rexistrado.

Con semellante carencia de ollo clínico, é normal que o Fondo Monetario Internacional non logre nunca conseguir o que se propón, nin sequera en termos de taxas de crecemento e moito menos de estabilidade macroeconómica e financeira. A evidencia empírica indiscutíbel é que na época en que veñen aplicando as políticas que recomenda o Fondo Monetario Internacional, desde os primeiros anos oitenta, o crecemento das economías (moito máis se non se considera o de China e outras nacións que non seguen as súas políticas) foi moito máis baixo que nas etapas (ou nos países) en que non se aplicaron. E un traballo recente demostrou que houbo máis crise cando predominaron as políticas liberais que propugna o FMI, nos anos trinta e a partir dos oitenta do século XX, e que hai unha gran correlación entre a maior mobilidade do capital (outros dos principios políticos do Fondo) e as crises bancarias. (Carmen M. Reinhart e Kenneth S. Rogoff, ‘Banking Crises: An EqualOpportunity Menace’, National Bureau of Economic Research, Working Paper 14587, 2008).

Os poderes financeiros internacionais benefícianse das políticas do Fondo non porque sexan eficaces para o que din buscar (crecemento, emprego, estabilidade...) senón porque son as que lles proporcionan as mellores condicións para aumentar os seus beneficios. E iso pódeno conseguir porque o Fondo nunca avalía o impacto social ou sobre a desigualdade e a pobreza que teñen as súas políticas, como el mesmo recoñeceu (IMF, ‘Poverty and Social Impact Analysis in PRGF- Supported Programmes’, Washington, 2002), porque é completamente alleo e cego respecto de calquera asunto relativo ao benestar social ou ao coidado do medio ambiente.

E é esta institución de economistas bastante incompetentes a que agora vén ao Estado español a dicir que debe facer un goberno lexítimo elixido polos cidadáns para facer fronte a unha crise que provocou a banca internacional.

As súas tres propostas principais son exactamente as mesmas que fan a patronal, a banca, o Banco de España e os economistas que están ao seu servizo.

A primeira é a privatización progresiva das caixas de aforro.

O FMI non di nada da banca española, cala para ocultar que a súa situación é exactamente igual que a das caixas. Non reclama transparencia, non fai nin di nada para obrigar a que a banca sexa o que debería ser: a fonte de financiamento da actividade económica. Nada propón para que as empresas e as familias volvan ter o crédito que se necesita para recuperar a actividade.

A banca é quen crebou e a que provocou a crise e o que o FMI propón é que como premio se lles entreguen as caixas de aforro.

É difícil imaxinar unha canallada máis grande. Con moita palabrería pero sen destapar a situación da banca, o único que busca o FMI é pór as caixas de aforros na bandexa do capital privado para que así se recupere unha banca crebada, aproveitando o mercado que deixarían as caixas e adquirindo os seus activos, como en tantas outras ocasións, a prezo de saldo.

A segunda proposta do Fondo é xa coñecida, a redución do gasto público. Expliquei noutros textos que nunha conxuntura recesiva iso só pode conducir á depresión e a afundir aínda máis á nosa economía. É o que ocorreu en moitísimas outras ocasións e noutros países cando se actuou así.

Como acaba de sinalar o Premio Nobel Joseph Stiglitz, "a austeridade leva ao desastre" (Le Monde, 22.05.2010), e aí é onde nos quere levar o FMI para que os bancos e as grandes empresas gañen máis diñeiro aínda.

A terceira proposta é a reforma laboral "radical e urxente" na liña que solicita a patronal e que principalmente se basea en reducir a capacidade de negociación dos traballadores mediante a descentralización da negociación colectiva e o establecemento de novos tipos de contrato.

Dicir que se pode resolver o problema do emprego flexibilizando o mercado laboral ao mesmo tempo que, como acabo de sinalar, se deprime a actividade debilitando a demanda efectiva é sinxelamente unha mentira xigante e grotesca. Dese xeito é imposíbel que as empresas (sobre todo medianas e pequenas) cren postos de traballo. Só se consegue que gañen máis as moi grandes que teñen demanda cativa grazas ao seu poder sobre o mercado, que é o que se tenta salvar.

En definitiva, o Fondo Monetario mente cando presenta as súas propostas para a economía española porque non di o que de verdade pretende; oculta os efectos reais que terán as políticas que propón; e, aínda por riba, non permite o debate social sobre elas senón que se limita a impoñelas porque a súa incompetencia impídelle argumentalas científica e rigorosamente.

- Artigo tirado do blog do autor, do 27 de maio de
2010.

- Fonte: xornal dixital Avantar