A CIG convida a CCOO e UGT a convocar xa folga xeral “para que a crise se resolva en favor da maioría social"

27 Mai 2010

Denuncia a alarmante situación xerada tras da imposición por decreto dunhas medidas antisociais coas que se responsabiliza da crise á clase traballadora

A Confederación Intersindical Galega fixo, en rolda de prensa, un convite expreso a CCOO e UGT para que reconsideren a súa posición e se sumen á convocatoria dunha folga xeral porque “é o momento e é necesario para que non se resolva esta crise en contra da maioría social”.

...

A central sindical entende que é responsabilidade das organizacións sindicais dar unha resposta clara e contundente, dado o alcance e gravidade das medidas que está a adoptar o goberno español. “Habería que estar preparando esa convocatoria e non discutindo nas mesas de diálogo social se se incrementa máis ou menos a indemnización por despedimento”.

Proposta da CIG

Para favorecer á maioría social a CIG aposta por un cambio de modelo e por reformas de carácter estrutural profundas. Porén, entende que tamén hai reformas que se poderían pór en marcha dentro do propio sistema. Para corrixir o déficit público propón introducir fórmulas de aforro eliminando o plus de altos cargos, a dobre estrutura da administración, reformular as deputacións, eliminar as subdelegacións de goberno ou os chiringuitos, entre outros.

Para incrementar a recadación, propón abordar unha reforma fiscal para que se incrementen no IRPF -o único imposto que garante a progresividade do sistema en función dos ingresos- os tipos impositivos para as rendas altas, a banca, os salarios dos directivos.... ou sexa, para quen máis ten. “Así non dependería de que se traballara no sector público ou no privado, senón do nivel de renda de cada quen”.

Xunto a isto, aposta pola creación dunha banca pública e a nacionalización dunha parte importante dun sector estratéxico como o enerxético. “En troques diso, afortalaron o sistema apostando pola banca á que destinaron 250.000 millóns de euros, 50.000 millóns que xa repartiron directamente e 200.000 millóns que teñen á súa disposición para cando o precisen”dixo, engadindo que o PSOE preferiu garantir o sistema beneficiando aos responsábeis da crise: o capital especulativo e as entidades financeiras. En todo caso, Oubiña lembrou que “medidas parecidas xa teñen adoptado desde o PP cando gobernaban”.

Neste sentido, Elvira Patiño, secretaria de Organización da CIG, criticou as medidas anunciadas pola conselleira de Traballo, segundo as que o goberno galego destinará 113 millóns de euros a “promover” o traballo fixo e “incentivar” o traballo temporal. Medidas coas que a CIG foi sempre moi crítica porque xa se demostrou que “non favorecen a creación de emprego”dixo, porque “as empresas contratan mentres dura a axuda e logo despiden para volver a contratar e cobrar novamente”.

Folga xeral

Ante esta alarmante situación, o Secretariado Confederal da CIG acordou onte, segundo explicou Patiño, estabelecer unha campaña de mobilización social e facer un chamamento a CCOO e UGT para preparar a convocatoria dunha folga xeral.

Calendario

Xoves, día 27 de maio, concentración diante da delegación do Goberno da Coruña, coincidindo co debate no Congreso, do Real Decreto-Lei.

O 2 de xuño, concentracións diante dos diferentes centros de traballo.

O 8 de xuño, concentracións e unha folga en toda a área pública. Convocatoria que a CIG pretende facer extensiva ás empresas nas que os traballadores/as teñen os seus salarios equiparados aos da área pública.

O día 17 de xuño, mobilizacións en todas as cidades galegas tras da celebración de asembleas empresa por empresa.

Mais info no xornal dixital Avantar