CIG-Administración rexeita unha nova conxelación salarial dos/as empregados/as públicos/as |
|
| 27 Fev 2010 |
A CIG-Administración mostrou o seu absoluto rexeitamento a unha posíbel conxelación do salario dos empregados públicos, estudada nos últimos días polo Goberno estatal como medida de “aforro”. Resposta: Da Federación lémbrase que os/as traballadores/as da administración veñen sofrendo unha continuada contención salarial, agravada coa asinatura do acordo entre o Goberno de Zapatero e as organizacións sindicais estatais que limita a suba das retribucións aos 0,3%, engrosando así a importante perda de poder adquisitivo acumulada nos últimos anos, que supera xa os 42%. Diante deste novo anuncio de “austeridade”, a CIG-Administración quer mostrar un total rexeitamento a unha medida através da cal se perpetuará a perda do poder adquisitivo dos empregados/as públicos e coa que se quer culpabilizar o persoal do gasto público. Neste senso, a Federación lembra que a situación de crise económica e as consecuencias que teña para as arcas do Estado non foron provocadas polos traballadores/as da administración nen polos seus salarios, pois a gran maioría dos empregados/as teñen uns ordenados inferiores aos 1.000 euros mensuais e veñen sofrendo unha perda do poder adquisitivo que supera os 42%. A Secretaria Ncional da CIG-Administración, María Carme López Santamariña, lamentou que o goberno ande a xogar coa estabilidade salarial dos empregados/as públicos para aparentar que ten en marcha unha política anticrise, cando non foi capaz de levar adiante medidas para controlar o capital financeiro e a súa economía especulativa. A este respeito, cabe asinalar que o salario dun asesor político é igual ao incremento salarial previsto para este ano para 1.200 subalternos. Neste senso, é preciso lembrar que CIG-Administración xa denunciara no seu día a ínfima suba salarial dos 0,3% acordada entre o Goberno estatal e os sindicatos CCOO, CSIF e UGT no cuadro da Mesa Xeral das Administracións Públicas, acordo que non contou co apoio nen da CIG nen de ELA, ao consideraren que este exiguo incremento suporía consolidar a perda continua do poder adquisitivo dos empregados/as públicos. En troca da asinatura do acordo (con vixencia até 2013) estabeleceuse un incremento das contribucións destinadas ao Fundo de pensións da AXE. 200 millóns de euros que serán xestionados pola rendíbel empresa Gestión de Previsión y Pensiones (GPP), participada nuns 70% polo BBVA e nuns 30% por CCOO e UGT. A Xunta acompaña o exemplo Continuando a liña marcada polo Goberno estatal, a Xunta afundou nesta situación ao decidir suspender os acordos sectoriais comprometidos e asinados coas organizacións sindicais, nos cais se contemplaban melloras retributivas para os vindoiros anos. Decisión contra a cal a CIG se ten mobilizado en numerosas ocasións. A maiores, este ano foi incrementado o IVA e foi eliminada a populista rebaixa dos 400 euros anuais na retención do IRPF, provocando que no ordenado de xaneiro o persoal percebise entre 10 e 30 euros menos que o mes anterior. Por estas razóns, da CIG demándase un incremento salarial igual á media da suba dos convenios colectivos (para este ano na Galiza a media é dos 3,58%), un plano de recuperación do poder adquisitivo nos vindouros anos e a manutención dos acordos retributivos comprometidos.
|