
María Carme López Santamariña, a primeira muller en ocupar a Secretaría Federal da CIG-Administración
O V Congreso da Federación da Administración Pública elexeu María Carme López Santamariña nova Secretaria Nacional, tornando-se deste modo na primeira muller que vai ocupar este cargo na Federación. A candidatura de López Santamariña conseguiu 77 votos, face aos 56 conseguidos por María Consuelo Rodríguez, os 30 de Rafael Aguirrebengoa, e os 16 de Manuel Facorro.
...
A nova Secretaria da CIG-Administración Pública fixo un chamamento á unidade de acción na súa intervención de encerrameto, en que tamén participou o Secretario Xeral da Confederación, Xesús Seixo. A nova Executiva Federal ficou conformada polas seguintes persoas: María Carme López Santamariña, Xosé Carlos Crespo Santiago, María Xosé Santos Paz, Delmiro Durán Garrido, María Consuelo Rodríguez Rodríguez.
Acción Sindical em defesa do sector público
Os textos do relatorio de Acción sindical aprobado salientaron a necesidade do traballo na defesa do público, reclamando a supresión das diferentes modalidades de privatizacións xestoras dos entes públicos como das asistencias técnica, apostando pola ampliación da propia administración pública como proposta de defesa do público frente ao privado, e advogando pola supresión dos concertos con empresas privadas.
Outro dos asuntos tratados nestes textos foi a negociación colectiva, a saúde laboral, e a acción social e a promoción nos servizos públicos. A CIG-Administración reafirmou a súa aposta pola xornada laboral de 35 horas, por un acceso á Administración pública limpo e en igualdade de condicións, pola eliminación da contratación en precario, ou o compromiso polo traballo e a acción sindical en materia de igualdade.
Normalización da lingua galega nas Administracións
A normalización da lingua galega na Administración no noso país e a importancia da defesa do idioma, frente aos recortes da política imposta polo goberno do Partido Popular, aparece como parte destacábel no final destes documentos.
Acción sindical combativa
A Acción Sindical aprobada con este relatorio fala en facer frente aos recortes laborais, da defesa do idioma, das retribucións e da destrución do emprego que puxo en marcha a administración autonómica, e tamén na administración estatal, onde se pretende que os empregados públicos paguen a crise económica, e recortes no emprego público coa taxa de 15% para a reposición de efectivos na xubilación. Todos estes recortes inciden negativamente na calidade do servizo público, ademais de na perda de poder adquisitivo e nos direitos dos traballadores e traballadoras das administracións públicas, polo que desde a Federación da Administración Pública da CIG se vai dar unha importante batalla frente a estas políticas.
O V Congreso da Federación de Administración Pública da CIG tivo lugar na Faculdade de Económicas da Universidade de Vigo no pasado sábado, dia 21 de novembro sob a mensaxe "Por unha administración mellor, mellor en galego".
Mais info no xornal dixital Avantar aqui e aqui.