Estado español: efeitos da regresividade fiscal |
|
| 16 Set 2009 |
Por Vicenç Navarro Desde o inicio da época neoliberal, a maioría dos países da Unión Europea (incluíndo o Estado español) implementaron políticas de redución de impostos, cun aumento moi salientábel da súa regresividade. Como consecuencia, as rendas do capital e as dos grupos máis podentes da sociedade viron reducir os seus impostos dun xeito moi marcado, aumentando así substancialmente os seus ingresos. ... Durante a década 1996-2006, os beneficios empresariais aumentaron un 33% na media da Unión Europea dos Quince (UE-15) e un 36% na zona euro. No Estado español, tales incrementos foron mesmo superiores. As empresas españolas viron aumentar os seus beneficios netos un 73% (máis do dobre da media da UE-15). Este aumento das rendas de capital tivo lugar á conta das rendas do traballo. A masa salarial (que mide tales rendas) descendeu moi marcadamente, pasando de representar o 70% da renda nacional na zona euro, no ano 1992, ao 62% no ano 2005, descenso que foi, mesmo, máis acentuado no Estado español, onde pasou de representar o 72% da renda nacional ao 61%. Iso foi resultado de que o crecemento da riqueza do país non se estaba distribuíndo equitativamente. Mentres os beneficios empresariais crecían de forma exuberante, os custos laborais aumentaron só un 18,2% durante o período 1999-2005 na zona euro, un crecemento, mesmo, moito menor no Estado español, onde tales custos laborais subiron só un 3,7%, cinco veces menos que na zona euro. Este descenso da masa salarial (que ocorreu independentemente dos ciclos económicos e malia o aumento da poboación activa) foi unha das maiores causas da crise económica, crise que se debe á falta de demanda. As familias das clases populares (a clase traballadora e clases medias) intentaron substituír a redución da masa salarial endebedándose (proceso facilitado e estimulado polas empresas financeiras), o cal puideron facer grazas ao prezo do seu aval, a vivenda, que foi subindo. Pero cando o mercado inmobiliario colapsou, as familias quedaron con enormes débedas, que, ademais de non poderen pagalas, tampouco puideron obter créditos para liquidalas. A este problema da demanda, consecuencia do descenso da masa salarial, engadiuse a crise financeira, resultado directo da exuberancia das rendas do capital e sectores podentes da sociedade, os cales non investiron -a través da banca- nas empresas produtivas, pois a rendibilidade de tales empresas era baixa, consecuencia da falta de demanda. Non era rendíbel investir na industria automobilística, por exemplo, pois había un descenso moi marcado da demanda de coches, resultado de que a xente non tiña diñeiro para compralos. Por iso é polo que investiron en actividades especulativas, tales como o sector inmobiliario, alcanzando uns niveis de beneficios do complexo bancario-inmobiliario-construción escandalosamente altos, inflándose os prezos da vivenda un 32%. ![]() Este complexo foi o motor do crecemento económico no Estado español e o seu enorme poder político e mediático é unha das maiores causas do atraso na recuperación económica en Estado español (ver Navarro, V., ‘Las rigideces del mercado bancario-inmobiliario’ en www.vnavarro.org). Até hoxe, cando o prezo da vivenda descendeu noutros países (como EEUU) ata un 30%, no Estado español só descendeu un 8%. Se non se dá un descenso moito maior, non se reavivará o mercado da vivenda, e con iso a recuperación económica. A solución da crise esixe unha reversión desta enorme polarización das rendas, que foi facilitada por unhas políticas fiscais regresivas, que beneficiaron as rendas do capital e as rendas superiores á conta das rendas do traballo. Esta situación é particularmente acentuada no Estado español, xa que ten a menor carga fiscal da UE-15, e cuxo Estado é o menos redistributivo de tal grupo de países. Varios estudos internacionais amosaron que a intervención do Estado español (a través das súas políticas impositivas e de gasto público) é unha das que na UE-15 altera menos a mala distribución da renda, cunha enorme concentración da renda nos grupos superiores, sendo un dos países de tal comunidade con maiores desigualdades sociais. Estas políticas fiscais e a consecuente enorme polarización das rendas teñen non só un custo económico elevado (as economías máis eficientes na Unión Europea inclúen as escandinavas, de tradición socialdemócrata, que teñen unha polarización social menor), senón tamén un gran custo social (temos o gasto público, incluíndo o gasto público social per cápita, máis baixo da UE-15) e un custo político elevado (o grao de distanciamento das clases populares cara ao Estado é dos máis elevados da UE-15), custo que é particularmente acentuado para as esquerdas gobernantes, que promoveron políticas fiscais semellantes ás dos gobernos de dereitas. Estes últimos gobernos beneficiáronse de tales políticas, pois as súas políticas fiscais conseguiron mobilizar ás súas bases electorais, que foron beneficiadas con tales políticas regresivas. Non así os gobernos de centroesquerda, que alienarion os seus militantes (o partido socialdemócrata alemán perdeu a metade dos seus militantes durante o Goberno Schröder) e ás súas bases electorais, e que hoxe se atopan nunha crise profundísima. Por iso é polo que se requiran cambios moi notábles das políticas fiscais para que estes gobernos de centroesquerda (incluíndo o español) recuperen o apoio popular. Para iso teñen que recuperar unhas prácticas e unha narrativa que saliente que as clases dominantes (termo practicamente desaparecido do discurso político, dando a entender que non existen) do país son responsábeis da crise e teñen que pór os recursos para resolvela. Presentar o tímido aumento de impostos dos grupos máis podentes como necesario para cubrir o déficit do Estado transmite unha visión xestora con escasa capacidade de mobilización entre as súas bases electorais. As esquerdas deben recobrar os valores e a linguaxe de esquerdas, subliñando que hai que redefinir a mala distribución do poder económico (que determina tamén o poder político), revertendo unhas políticas fiscais liberais que foron, durante todos estes anos, moi exitosas para unha minoría a custo do sacrificio da maioría da nosa poboación. [Artigo tirado do xornal 'Público', do 3 de setembro de 2009] |