28 de abril: Día Internacional da Seguranza e Saúde no Traballo

28 Abr 2009

Comunicado do Gabinete de Seguranza e Saúde Laboral da CIG no Día das Vítimas das más condicións de traballo

Desde que, vai xa para 14 anos, o sindicalismo internacional adoptou o 28 de abril como xornada de lembranza para as vítimas do traballo, non moitas cousas teñen mellorado a este respeito. De facto, cada 15 segundos morre no mundo un traballador/a como consecuencia dun accidente de traballo ou dunha doenza relacionada co traballo, e cerca de 5.500 morrerán cando acabar o día.

Dados escandalosos que, no caso da Galiza, maniféstanse en 72 persoas mortas por causa de acidentes laborais e máis de 1.200 traballadores e traballadoras afectadas por unha doenza profesional. Por isso, por todos os traballadores e traballadoras que sofren unhas malas condicións de traballo, na Confederación Intersindical Galega, continuaremos a levantar a nosa voz para reclamar a defesa da nosa saúde nos nosos lugares de traballo.