Retórcese a realidade nas balanzas fiscais

24 Jul 2008
Email , Categorias: Notícias Sindicato, Opinión,

Manuel Mera
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG)

Seica só nos salva do desastre que o Estado español subvencione xenerosamente as pensións, infraestruturas e outros servizos, porque, se non fose deste xeito, Galiza estaría nas mesmas condicións que tantas nacións do Terceiro Mundo. En fin, que nos queixamos por gusto, que somos uns privilexiados sen o saber, e que canto máis copiemos deles máis avanzaremos (tamén en cultura e lingua). Isto é o que calquera galego ou galega tira como conclusión despois de ler os xornais ou escoitar a radio ou TV.

...

Os datos que publicou a pasada semana o Goberno central encol das balanzas fiscais entre territorios foi aproveitado pra usalos, por aqueles que negan os dereitos nacionais de Galiza, como argumento poderoso de que temos que nos axeonllar e amosar o noso agradecemento a Madrid e á solidariedade do Estado español. Ou sexa, que este país potencialmente tan rico, mais que ten unha renda por persoa baixa e perde poboación por emigración, está nestas condicións porque a xente que o habita non vale tanto como os vascos, cataláns e madrileños, especialmente estes últimos que son moi listos... moito, moito.

Que se empreguen estes argumentos desde Madrid paréceme lóxico, aínda que non solidario e honrado, mais que se prediquen con entusiasmo por parte dalgúns dirixentes políticos e xornalistas galegos é patético, polo que significa de autoodio e de asumir o papel de parvo coa paixón do colonizado. Pra calquera cun mínimo espírito crítico non debería ser moi normal que Madrid, nunha meseta e afastado do mar, teña un nivel de riqueza e unha concentración demográfica maior que Galiza. Non é o potencial económico o que fixo grande esta cidade, senón o poder político que transformou a realidade a seu favor coa utilización dos excedentes doutros territorios no seu beneficio. Esta andaina fíxose nun longo proceso histórico, a acumulación non xurdiu de súpeto. Por iso, en porcentaxes e cantidade, a concentración de altos cargos empresariais e de funcionarios públicos é tan grande na capital do Estado, co que isto significa como división do traballo, e distorsión do esforzo produtivo por parte de cada territorio. Se hai quen pensa que non é así, abonda con mudar a capital de lugar, e veremos que só insinualo provoca unha algarada.

Ser o núcleo do poder político desde hai séculos ten moitas máis vantaxes, que se agrandaron neste etapa de globalización neoliberal (polo que teñen de auxe nas comunicacións, e polo tanto intrinsecamente das dependencias), por exemplo: residen e cotizan alí a maioría das sedes das grandes empresas, nesta comunidade recóllese sobre un 25% dos impostos totais do Estado español (tívose en conta isto cando se fixeron as balanzas fiscais?); as empresas públicas non reverten os seus gaños en Galiza, senón alí onde decide Madrid (lembremos os milleiros de millóns que produciu durante décadas ENDESA das Pontes); as adxudicacións dun boa parte dos contratos públicos son realizados por grandes empresas do resto do Estado, que subcontratan a empresas galegas, ficando fóra boa parte dos gaños; toda a rede de infraestuturas realizouse cun criterio centralista, é unha mostra a ampliación multimillonaria do aeroporto de Barajas, cos milleiros de postos que se xeraron entre directos e indirectos, obrigándonos a todos ir a el pra ter conexións fóra da península (os voos desde Galiza ao exterior son mínimos). Ademais, debemos engadir a emigración, persoas que formamos producen e cotizan fóra e despois retornan como unha carga á seguridade social e sanidade (considerouse isto no estudo das balanzas fiscais?). Asemade a dependencia, o control dos medios de formación e información, polo tanto da opinión e os gustos da xente, ten consecuencias sobre o consumo, e favorece a uns territorios fronte a outros.

Tampouco podemos esquecer que hai nas relacións fiscais un terceiro en xogo, a Unión Europea, que recada menos do que contribúe ao Estado español (cando menos até o ano 2013), e faino en función de criterios de distribución por autonomías que non sempre son respectados polo Goberno central, torcéndose polo camiño a vontade de Bruxelas. Por exemplo Galiza só recibiu o 5,9% dos fondos comunitarios no ano 2003 aínda que é rexión prioritaria pra recepción de fondos (sobre as balanzas fiscais hai un moi bo traballo de Xosé Díaz no Terra e Tempo nº145-146). Neste caso poderíase dicir que o Estado español lle debe á Unión Europea, ou sexa aos países máis ricos, como Alemaña, parte do seu nivel de vida. Porén esta solidariedade é beneficiosa pra os estados centrais da Unión, que coparon mercado, dirásenos. A relación que nos temos co Estado é a mesma que este ten coa Unión Europea, coa diferenza de que o Estado español é soberano (con todas as pexas que se lle podan poñer a esta afirmación).

Como na periferia do capitalismo se di que o noso problema é a falta de competividade, por mor da baixa preparación profesional, de que traballamos poucos e non o necesario, etc. , seica a responsabilidade non é dos que nos gobernan, nin da falla de soberanía, senón culpa da xente, de que é preguiceira. O desempregado e desempregada e o traballador mal pago non o son por mor dun sistema inxusto, senón porque lles falta vontade e capacitación. E así temos a unha morea de persoas formándose tecnicamente (que sempre é positivo) pra traballar despois en contratos lixo de peón ou similar (un 85% dos contratos). Anos de formación ocupacional non solucionaron os problemas de competitividade, xa que hai sectores onde o somos que fican sometidos a todo tipo atrancos, e en troques nos que non o somos contan con moitos privilexios (as normas, o macro clima, a maioría das veces xoga en contra noso, ou chegamos tarde ás mudanzas, que planifican os mesmos que se beneficiaron secularmente da dependencia da nosa nación). Pensemos nun feito que sirva de exemplo, non é unha anécdota que as autoestradas a Madrid sexan gratis e nas interiores teñamos que pagar (casual?).

A outra conclusión que debemos tirar de calquera análise que fagamos das relacións económicas co Estado español é que os resultados dependen do nivel de competencias que teña cada nacionalidade e autonomía e do grao de autoorganización, de que as forzas propias compartan ou non hexemonía (aínda que este feito ten cada vez menos valor polo avance abafante da globalización neoliberal, tal como se pode ollar no evolución da situación en Euscadi e os Países Cataláns en comparanza co noso país).

En resumo, desde o Goberno central seica se nos subvenciona (habería que facer máis números verbo deste tema), malia que a un tempo se artellan mecanismos pra que o sector privado chuche boa parte do noso esforzo produtivo, facendo pobre a un país rico. Dásenos cunha man o que se nos quita dúas veces coa outra. Teñen razón os que afirman que este balanzo fiscal é un traxe á medida dos intereses de Estado, ou sexa, da España centralista e colonizadora.

[Artigo publicado no sitio web GZNación, a 21 de Xullo de 2008]

 


Sede Nacional:
Delegación AEAT da Coruña

Telefone: 981 616 889
Fax: 981 127 222
Co-e: cigaeat[@]gmail.com


Quen somos na AEAT?
Ficha de Afiliación
Contacta
Agosto 2020
Seg Ter Qua Qui Sex Sab Dom
 << <   > >>
          1 2
3 4 5 6 7 8 9
10 11 12 13 14 15 16
17 18 19 20 21 22 23
24 25 26 27 28 29 30
31            

Busca

Ligações

Web Oficial da Confederación Intersindical Galega
Formación Online
Gabinete Confederal Saúde Labora
Fundación para o Estudo e a Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza
Fundación para a Orientación Profesional, Emprego e Formación en Galiza
CIG Administración Pública

Ferramentas do usuário

Feeds XML

What is RSS?

Quem está online?

  • Usuários convidados: 1
Contadores

Contadores de visitas gratis para webCursosContadores de visitas gratis para web
powered by b2evolution free blog software